ONDE ESTÁN AS MULLERES?
[PROXECTO ACTUALMENTE EN PAUSA]
⚠️ Aviso importante: Proxecto temporalmente en pausa
O programa «Onde están as mulleres» atópase actualmente nunha pausa temporal. A iniciativa foi medrando moito máis do que imaxinabamos no seu inicio e, debido ás dimensións que alcanzou e ao tempo que require xestionalo co coidado e a dedicación que merece, nestes momentos non nos é posible mantelo activo. Agradecemos enormemente a incrible acollida e o interese, e agardamos poder reactivalo máis adiante.
«Onde están as mulleres» é unha iniciativa humana impulsada pola Asociación Nós Mesmas que nace para conectar mulleres buscando amizade, afinidade ou relacións afectivas, lonxe da frialdade das aplicacións de citas.
Máis que un simple punto de encontro, «Onde están as mulleres» é un refuxio fronte aos algoritmos. Un espazo confidencial e coidado onde priorizamos a compatibilidade real, os valores compartidos e o respecto, poñendo sempre ás persoas no centro.
A través dun proceso de rexistro privado e unha xestión manual, o noso equipo encárgase de analizar cada perfil e buscar conexións reais, propondo presentacións seguras, orgánicas e totalmente respectuosas cos ritmos e obxectivos de cada participante.
«Onde están as mulleres» nace cunha idea sinxela: cando eliminamos os escaparates dixitais e recuperamos o trato humano, as conexións auténticas xorden soas.

