COMUNICADO: NON ORGANIZAMOS A FESTA DO ORGULLO

Logo Nós Mesmas

Desde 2009, a asociación Nós Mesmas vén organizando actividades arredor do Orgullo en Vigo. O que comezou sendo unha pequena concentración converteuse, co paso dos anos, nunha manifestación multitudinaria e nunha festa referente para a comunidade LGTBIQ+ da cidade. Todo isto foi posible grazas ao traballo colectivo, ao activismo, á implicación voluntaria e ao compromiso sostido durante anos por moitas persoas.

Porén, este ano vémonos na difícil decisión de comunicar que non organizaremos a Festa DiversXs despois da manifestación do Orgullo do vindeiro 27 de xuño de 2026.

Queremos deixar claro que a manifestación do Orgullo mantense. Seguimos considerando imprescindible ocupar as rúas, visibilizarnos, reivindicar os nosos dereitos e defender os espazos conquistados. O que este ano non poderemos asumir é a organización da festa posterior.

Nos últimos anos, as dificultades para organizar eventos sociais, políticos e reivindicativos no espazo público na nosa cidade foron aumentando enormemente. A burocracia, os requisitos administrativos, os seguros, permisos, infraestruturas, servizos obrigatorios e os custos asociados fan que organizar unha celebración destas características sexa cada vez máis complexo e esixente, especialmente para unha asociación pequena e sostida fundamentalmente por voluntariado.

A organización desta festa implica asumir por adiantado unha serie de gastos importantes derivados dos requisitos esixidos polo Concello —seguros, baños, son, permisos e outros servizos imprescindibles— así como material de consumo, actuacións… necesarias para o desenvolvemento da xornada. Durante todos estes anos, a asociación fixo fronte a estes custos con fondos propios, confiando en recuperalos posteriormente coa propia celebración, algo que non sempre foi posible.

Durante todo este tempo fomos asumindo estes obstáculos pouco a pouco, facendo fronte aos gastos con recursos propios e adiantando custos que moitas veces tardaban meses en recuperarse, cando chegaban a recuperarse. Mais este ano a situación económica da asociación, agravada pola falta dunha subvención coa que tiñamos que cubrir o gasto de servizos gratuítos que levamos ofrecendo desde xaneiro, impídenos asumir o importante desembolso económico que require organizar a festa.

A esta realidade súmase tamén unha situación interna complexa que estamos a vivir no último ano. O esforzo organizativo do Orgullo supón unha enorme carga emocional e física para as persoas activistas e voluntarias. Despois de moitos anos sostendo este proxecto, chegamos a un momento de desgaste e necesidade de coidados. Estamos atravesando un proceso interno de cambios, de reconstruír vínculos, de fortalecer a estrutura da asociación e de volver tecer redes que permitan que Nós Mesmas continúe existindo e sosténdose durante moitos anos máis.

Tomar esta decisión dóenos profundamente. O Orgullo é moito máis ca unha festa. É memoria, visibilidade, reivindicación, encontro e comunidade. É un espazo onde celebramos que seguimos aquí, ocupando o lugar que nos corresponde, facendo rede e construíndo colectivamente unha cidade máis diversa e máis libre.

Por iso queremos insistir en que o Orgullo continúa. Seguiremos saíndo á rúa, manifestándonos e defendendo os nosos dereitos fronte aos discursos de odio, a precariedade e a falta de apoio institucional. O que este ano non poderemos compartir será ese espazo festivo posterior que tantas veces serviu para celebrar, atoparnos e coidarnos colectivamente pero teremos outros actos ao largo do mes para facelo. 

Estamos seguras de que este sera só un parón puntual, un paso atrás para coller pulo e que no futuro volveremos construír xuntes ese espazo que tantas persoas fixeron seu ao longo destes anos.

Grazas, como sempre, por acompañarnos, sosternos e seguir facendo comunidade.

Nós Mesmas🏳️‍🌈💜