Bote Solidario Coidamos, apoiamos, acompañamos

O Bote Solidario é un programa de apoio directo que forma parte das accións sociais que realizamos en Nós Mesmas, fundamental e que non existiría se non fose por as redes de apoio e colaboración que se tecen entre cada persoa da nosa contorna e pola que sempre estaremos moi agradecidas.

Este programa non é só un servizo de axuda: é parte da nosa visión feminista e interseccional, que entende que o benestar material e o apoio mutuo son parte fundamental da loita por unha sociedade máis xusta para as persoas LGTBI+ e para todas as que enfrontan discriminacións múltiples.

Por que existe o Bote Solidario

Calquera de nos podemos atoparnos nalgún momento nunha situación de vulnerabilidade que non sempre poden agardar por respostas burocráticas ou institucionais. Nesta situación tamén se atopan as persoas que chegan aquí, fuxindo do horror de ser LGTBI+ no seu país de orixe e que solicitan asilo e que se atopan sen nada. O Bote Solidario nace para cubrir esas necesidades básicas inmediatas con dignidade, cercanía e respecto.

Cada vez que activamos o Bote Solidario, facemos chegar apoio material, económico e social a quen o precisa: un espazo onde aloxarse, alimentos, produtos de hixiene, ropa, mediciñas… recursos básicos que son fundamentais para vivir con dignidade e seguridade.

O noso compromiso

🚑 Axuda inmediata: Intervimos cando hai necesidades urxentes, antes de que a situación empeore. Se non hai cartos no Bote, abrimos unha campaña e adiantamos os cartos ou acordamos coas empresas (hostais, farmacias, restaurantes…) o pago posterior baseado na confianza.

🫂 Persoas en primeiro lugar: O Bote Solidario parte da confianza e do respecto — escoitamos, acompañamos e actuamos sen xulgamentos.

🏳️‍🌈 Reforzar a comunidade: Cada intervención é tamén unha forma de tecer redes de apoio mutuo e solidariedade entre nós.

Impacto real

No ano 2024, realizamos máis de 15 intervencións a través do Bote Solidario para cubrir necesidades básicas.

Como podes apoiar o Bote Solidario

Cando existe unha situación de emerxencia e non temos cartos no Bote, abrimos unha campaña para recadar estes fondos o máis rápido posible a través de doazóns individuais na nosa conta bancaria, a través de PayPal, en metálico ou recollendo no local o que precisemos (roupa, calzado, enseres para o fogar…).

Pero podes facer unha achega en calquera momento ou, se realizas algún acto (concerto, mercadiño…), podes ubicar un peto para recoller doazóns para o noso Bote (se nos escribes, facilitámoste un texto para informar sobre a acción).

Outra forma de colaborar é a través do voluntariado e da difusión, porque a solidariedade colectiva é o que fai posible este proxecto.

💜 Queres colaborar?

O Bote sempre está aberto. Na nosa web podes facer unha achega a través de PayPal, pasar palabra ou implicarte como voluntaria/o.

ÚNETE Á CAUSA

En Nós Mesmas precisamos do apoio de persoas comprometidas coa igualdade e a diversidade. Cada xesto suma: xa sexa ofrecendo o teu tempo como voluntaria ou colaborando cunha doazón, axúdasnos a manter vivos os nosos programas e actividades.