Programa de Atención Integral e Diversidade, ano 2026

Nós Mesmas acompañou 46 persoas LGTBI+ co Programa de Atención Integral e Diversidade

Entre xaneiro e xullo de 2026, 46 persoas LGTBI+ en situación de risco social ou senfogarismo en Vigo recibiron apoio a través do Programa de Atención Integral e Diversidade de Nós Mesmas. A intervención combinou o acompañamento social, a orientación sociolaboral e a atención psicolóxica para facilitar o acceso a dereitos e recursos, previr a exclusión residencial e reforzar a autonomía persoal.

Resultados acadados

Entre os resultados acadados destacan:

✓

18 persoas estabilizaron a súa situación residencial, partindo de situacións de senfogarismo ou grave risco.

✓

Realizáronse 31 acompañamentos presenciais a 16 persoas e 26 mediacións para apoiar a 15 persoas no exercicio dos seus dereitos.

✓

14 persoas recibiron atención psicolóxica, cun total de 98 sesións individuais.

✓

Desenvolvéronse 21 sesións de orientación sociolaboral con 7 persoas.

O 43 % das persoas atendidas eran persoas LGTBI+ migrantes e solicitantes de asilo. Para algunhas delas, a procura dun recurso asistencial foi esencial para cubrir necesidades básicas e dispoñer dun espazo seguro ante a ausencia de redes de apoio e as barreiras administrativas.

O programa tamén incluíu a coordinación con profesionais de albergues, entidades sociais e servizos públicos da cidade, favorecendo respostas adaptadas ás necesidades das persoas LGTBI+.

Este programa contou co financiamento do Concello de Vigo a través do Servizo e a Area de Benestar Social e da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade.

Este apoio contribuíu a soster os servizos especializados que Nós Mesmas leva anos ofrecendo en Vigo.