Construíndo refuxios onde as institucións calan: o impacto de “+ Visibles, – Violencias” en Galicia

Desde hai seis meses, na Asociación Nós Mesmas estamos a desenvolver un proxecto que non só é unha declaración de intencións, senón unha resposta de emerxencia: + Visibles, – Violencias: Visibilidade e transformación colectiva.

Este programa nace dunha certeza incómoda: a pesar dos avances legais, as lesbianas* (termo paraugas que recolle a realidade de mulleres lesbianas, bisexuais, trans e persoas non binarias) seguimos atopando un baleiro cando buscamos apoio ante as violencias. Especialmente se habitamos corpos racializados, se somos migrantes, se temos algunha diversidade funcional ou se resistimos no rural galego.

Por que Europa e por que agora?


O apoio da EL*C (Eurocentralasian Lesbian Community) con fondos da Unión Europea foi o motor que nos permitiu chegar onde a administración pública galega aínda non chega. Ante a ausencia de recursos públicos especializados que comprendan a identidade de xénero e a orientación sexual de forma interseccional, tivemos que tecer a nosa propia rede.

Recibir estes fondos europeos é, por unha banda, un recoñecemento á vulnerabilidade específica que afrontamos e, por outra, unha denuncia silenciosa á falta de servizos especializados no noso territorio. Non se trata só de xestionar recursos; trátase de asegurar que ningunha persoa non binaria ou muller LBT teña que explicar a súa identidade antes de ser atendida por unha violencia sufrida.

O que estamos a lograr (e o que podes usar):


A través deste proxecto, seguimos a ofrecer e fortalecer:

  • Acompañamento Psicolóxico Especializado: Gratuito e libre de prexuízos cis-heteronormativos.

  • Asesoría Xurídica: Para defender os nosos dereitos fronte á violencia institucional, laboral ou intragénero.

  • Investigación sobre Violencia Intragénero: Estamos a recoller datos pioneiros en Galicia para que deixen de dicirnos que «os nosos problemas non existen».

  • Rede de Coidados e Cultura: Preparando motores para o II Festival Cultural «Bolleras, Viciosas, Travelas e Marimachas».

Se es unha muller lesbiana, bisexual, trans ou unha persoa non binaria e precisas un espazo seguro, aquí estamos. Porque o persoal segue sendo político e o colectivo é a nosa mellor defensa.